-A cultura como un todo-
- Esperanza Vázquez Dopico
- 23 oct 2017
- 2 Min. de lectura
Hai algún tempo, tendo unha conversa, preguntáronme se pertencía ao bando dos que detestan Ferrol ou dos valentes que din que “mola”. Abríronseme os ollos pero, inevitablemente, un sorriso saíu do meu rostro deixando claro que pertencía ás loitadoras; mais son das que pensan que si non fas nada pola túa cidade é mellor que manteñas a boca pechada en vez de poñer impedimentos aos que cremos no progreso.
Vivir nunha cidade como a miña, onde a taxa de paro é tan alta, non é doado. Non é agradábel observar o deterioro do teu barrio, o cal valoras e sabes que custou moito construír. Sen embargo, non é certo que Ferrol non teña vida, culturalmente falando.

Gustaríame recordar que o número total de poboación é duns 68.308 habitantes (2016; Instituto Nacional de Estadística) e que, ás veces, cando asisto a algunha actividade de balde non hai máis de vinte persoas. Así que a miña pregunta é....non vos queixaredes antes de informarvos do que está acontecer ao voso carón?
Temos a sorte de vivir nun lugar repleto de recunchos que teñen moi claro a importancia da cultura para o noso pobo, persoas que cada pouco tempo presentan unha nova idea para intentar expoñela na cidade, artistas cargados de enerxía e talento que queren compartir a súa creación e un sector do público desexando saír dos seus fogares para disfrutar.
Ferrol non é somentes unha “Fashion Night” ou a “Semana Santa”. Ferrol é un “Teatro Jofre”, un “Torrente”, unha serie de pubs para descubrir que acontece o sábado pola noite, unha Radio Libre e Comunitaria, chamada Radio Filispim, e moitas outras asociacións culturais, veciñais ou institucións que cada mes esfórzanse para presentarnos un programa repleto de actividades variadas para todos os públicos e petos. Elementos vitais que conseguen que haxa vida no lugar máis afastado do norte de Galiza durante todo o ano, sen centrarnos somentes nas datas sinaladas.

Ferrol mola!, por todos estes lugares e por toda a xente que sigue loitando para que non morra unha cidade tan importante.
Cultura é todo aquilo que aporta algo novo ao noso ser, conseguindo así unha evolución. Ferrol son as as praias, a “famosa tableta de chocolate do barrio da Magdalena”, as bibliotecas e arquivos, por veces esquecidos, a gastronomía, e os numerosos barrios, diferentes pero interesantes ao mesmo tempo.
A min gústame a miña cidade e, mentres poida, seguirei aportando o meu gran de area. De aí que me sinta tan fachendosa de poder expoñer “Removendo Recordos” este mes de outubro no Ateneo Ferrolán, unha institución cultural moi importante para o progreso da nosa cultura. Neste caso, teño o pracer de presentarvos unha serie de instantáneas do edificio que capturei coa miña ben querida compañeira.

Comments