top of page

-Biblioteca do MPG-

Unhas das oportunidades que me brindou este ano que remata foi mergullarme no interior das bibliotecas do Museo do Pobo Galego, un privilexio que a moitas e moitos lle gustaría poder ter. Falando agora dende fóra, e con todo o aprendido, podo dicir que é un espazo máxico onde a rutina non existe, onde cada día, ou mellor dito cada minuto, algo novo está a acontecer. Cando aterrei, o pasado 27 de novembro, lembro que o que máis me chamou a atención foi a gran cantidade de portas que non deixaban de abrirse diante de min. Tiñas que cruzar moitas para poder chegar a onde querías, algo que o fai máis especial aínda.


Agora coa experiencia nas miñas costas podo dicir que cando alguén me pregunte sobre esta institución, non vou pensar nas famosas escaleiras que todo o mundo identifica, vou pensar naquela colección de fotografía tan fermosa e interesante que garda, naquel depósito no que quizais vai máis frío ca fóra, no marabilloso equipo que tiven a sorte de coñecer, no arrecendo a café de cada mañá, nas xuntanzas sobre como se monta una exposición bibliográfica, ou en todas aquelas aventuras e “batalliñas” coas que nos amenizaron os usuarios.


Quizais para moitos pode parecer unha parvada pero para min poder ter entre as miñas mans unha carta de Dona Juana, un facsímile, un dos primeiros cartaces de publicidade, un incunable, un diario de amor ou o primeiro exemplar de “Vida Gallega”, é alucinante. Noutras palabras, é unha inxección de adrenalina saber que estou un pouquiño máis preto de coñecer a historia da humanidade e do meu queridísimo pobo galego.


Por todo isto, e por todo o que gardo para min, quero compartir coma última publicación do 2017 unha selección de fotografías que fixen alí antes de marchar. Agardo que vos guste tanto como a min. Moitas grazas a todas as que fixéchedes que esta experiencia fora posible, a Raquel, María Antonia e, sobre todo a Rosa, xa que foi un pracer poder traballar e aprender tanto ao seu carón.


Por último, moitas grazas a tod@s os que un ano máis seguides ao pé do canón e estades aí para arrouparme nos novos proxectos e metas que se presentan.



Vémonos o ano que vén!


Esperanza.


bottom of page